Dolmen de Dombate. Do abandono á turistificación

7/1/2018

Un dos efectos recoñecidos que tivo o feito de que a Praia das Catedrais en Lugo pasase a ser a insignia turística da Xunta de Galicia foi o que pasou nos seus arredores. Miles de persoas que chegan sen coñecer a existencia dunha reserva obrigatoria en determinados meses do ano e que remataron por espallar os seus anhelos en senllas direccións do tramo litoral, ben cara Ribadeo, ben cara Barreiros.

A cuestión non sería máis que unha anécdota se non fose porque na práctica o resultado foi a devastación do ecosistema litoral e a eliminación de varios centímetros de solo como xa confirmaron diversos especialistas. Porque o turismo de masas mal entendido non é unha bendición senón todo o contrario.

Por iso parece tan pouco sensato o que se está a facer no Dolmen de Dombate e a súa contorna, mal que lle pese a algún que outro sátrapa. Porque para o Partido Popular de Cabana e quenes dun ou outro xeito o sosteñen e respaldan o importante é que as visitas ao Dolmen de Dombate e o seu centro arqueolóxico non deixen de crecer. Das 22.974 visitas de 2014 ás 28.743 de 2017. E subindo. O como se consigan xa é o de menos pois o fundamental é chegar ao record. "Citius, altius, fortius", como reza o dito. Ou "máis rápido, máis alto, máis forte", pero que siga entrando a xente. E todo nun lugar carente da máis mínima infraestrutura que poida considerarse turística.

O subidón é tal que xa calquera cousa é posible. A última, unha xornada de promoción do berberecho do Anllóns no centro arqueolóxico o pasado mes de decembro. Ninguén dúbida do interese do tema, pero é que sobran restaurantes onde poder levar a cabo tal evento (e sen dúbida, con maiores garantías sanitarias). Porque un centro arqueolóxico é ou debería ser iso, un espazo centrado na divulgación e interpretación do que en teoría se expón.

Lembraba hai poucos meses Antonio Maestre na Marea, que aínda que o turismo "é o maior activo da economía española" os gobernos locais "non están a saber xestionar" adecuadamente o incremento de visitantes "pola instauración dun pensamento neoliberal que converte calquera atismo de medida regularizadora nun ataque contra os beneficios empresariais". En Dombate, nin pensar se pode xa con liberdade fronte a quenes consideran que o monumento lles pertence por dereito divino.

Sen embargo, o camiño á turistificación é o camiño ao erro. Nin tan pouco interese como antes nin tanto interesado como agora. Nin o abandono galopante por parte da Deputación da Coruña durante décadas nin o manoseo constante da instalación a nivel municipal para calquera tipo de evento. Porque o camiño de Dombate debería ser o camiño da sensatez, o camiño medio e do aproveitamento racional dun ben cultural que nos pertence a todos e a todas.

(Texto en español)